Alalá
Juanjo Fernández
Presentámosvos a historia dun mozo que naceu en Madrid. Alí medrou cos seus amigos tocando a guitarra ou indo ver o fútbol ao Santiago Bernabeu. Sen ningún tipo de vínculo con Galicia aquel mozo fixo 19 anos e tivo que ir facer o servizo militar a León. Alí, a vida de Juanjo Fernández cambiou para sempre o día que pediron no cuartel alguén que tuvera algo de formación musical para acompañar a banda de cornetas e gaitas nunha xura de bandeira. Daquela Juanjo xa tiña algúns coñecementos musicais e ofreceuse para facer soar aquel instrumento galego que se tocaba parecido á frauta. O que non sabía é que no momento no que puxo a gaita enriba do ombreiro a súa vida ía pegar un xiro de 180 grados.
Despois de rematar o servizo militar Juanjo Fernández volveu a Madrid, pero en pouco tempo foi olvidando as cordas da guitarra, substituíndoas polo punteiro da gaita. Eran os anos 80 e facíase raro ver un rapaz polas rúas de Madrid cunha gaita ó lombo. Case sen darse de conta foi facendo da gaita a súa forma de vida. Como músico de rúa tocou por moitos recunchos do mundo, Madrid, Barcelona, París… pero a Juanjo faltáballe algo e canto máis tocaba máis quería tocar. Tres anos despois de dar a súa primeira nota, aquel mozo decidiu deixar Madrid e vir a Galicia para cumplir o soño que o alimentaba dende que saíu da mili: ser gaiteiro.
Hoxe en día despois de 25 anos en Galicia, Juanjo Fernández é un dos principias investigadores sobre música tradicional da nosa terra e unha das figuras máis importantes no descubrimento do ancestral “toque pechado”, unha forma de tocar a gaita á que Juanjo dedicou boa parte da súa vida e as súas investigacións incansables por todo Galicia.
Rodeado de amigos e coa familia en Lugo, Juanjo Fernández dá clase de gaita e síntese galego, algo imposible de negarlle a un home que loitou toda a vida para vivir coma galego e converterse nun dos mellores gaiteiros de Galicia.