Alalá
Josefa de Bastavales
Josefa de Bastavales é unha caixa de sorpresas. Ten 74 anos e é un dos personaxes máis queridos da música tradicional galega. Unha muller que, xa pasados os 70, andivo de xira por Francia nin máis nin menos que con Manu Chao e fixo entrevistas para a televisión a músicos como Compay Segundo, Os Chiftains ou Cesaria Évora.
Neste Alalá amosaremos as distintas vidas de Josefa. A da muller que traballou sempre no campo, coidou do home e de seis fillos nacidos en catro partos (tivo dous de xemelgos) e a da artista que coa súa alegría e forza vital engaiolou a un grupo de músicos novos entre os que están Manu Chao, Xurxo Souto e Pinto de Herbón, que a adoran.
Ademais de escoitar o amplísimo repertorio de Josefa, que a súa memoria prodixiosa foi atesourando desde a infancia, escoitarémola cantar con Manu Chao, que compuxo o seu célebre “Desaparecido” na cociña de Josefa, verémola bailar co acordeón de Xurxo Souto e botar unha regueifa con Xurxo e Pinto de Herbón acompañados á guitarra por Manu. Quen dá máis?