CRTVG

Buscar

Alalá

Instrumentos na tradición galega

09/02/2011 22:05 h

Se alguén nos preguntara cantos instrumentos pode haber na música tradicional galega seguramente non saberíamos dicir máis de quince ou vinte. Unha parte moi pequena dos máis de 150 que Pablo Carpintero describe con todo detalle no seu libro “Os instrumentos musicais na tradición galega”. Desde como se tocan e como se constrúen ata a súa historia: en que circunstancias se tocaban, quen, cando e para que os tocaba e de ónde proceden.

Cincocentas páxinas cheas de información clara, fotografías e debuxos froito de vinte anos de investigación minuciosa que demostra que Galicia é un dos lugares con máis riqueza musical do planeta. Este musicólogo que é ademáis doutor en Ciencias, artesán e gaiteiro deulle varias voltas a Galicia para recoller a información directamente dos portadores. Dos músicos e dos artesáns. Buscando nos arquivos, nos textos, nos cancioneiros, buscando fotografías e iconografía que o axudase a entender mesmo o funcionamento de instrumentos que xa non existen. O libro foi durante meses o máis lido en lingua galega e recibiu o premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio. Ata chamou a atención da Unesco, que elixiu a Pablo para formar parte dun comité de doce persoas de todo o mundo que escollerán as obras mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial da humanidade do ano 2011.

Atopar capítulo por: