Alalá
Hermanos Lamas
A Historia que vos contamos neste Alalá comeza en 1910 cando 6 membros dunha familia, deciden formar un sexteto chamado “Hermanos Lamas de Calo”. A pesar de comezar só coas gaitas como instrumentos de vento, rapidamente o “Sexteto Enxebre Hermanos Lamas de Calo” incorporaría o clarinete e o saxo. Por que? Pois por ir coas modas. Naqueles anos era toda unha novidade e un luxo saber combinar unha gaita con instrumentos de banda como o clarinete e o saxo. Ao teren esta novidade chamábanos para tódalas festas e fixéronse habituais por exemplo, nas dos cabezudos en Santiago.
Antes da Guerra o grupo era moi coñecido, pero o da Guerra foi un episodio traumático para o grupo, xa que levou por diante a vida de dous dos músicos do sexteto, pero os que quedaron souberon refacerse e continuaron co nome do grupo nos anos 40.
Dende aquela, durante o século XX, o grupo continuou incorporando a novos músicos, pero sempre mantendo o nome e a esencia do sexteto orixinal dos “Hermanos Lamas de Calo”. Seguramente cando a primeira formación creou o sexteto en 1910, resultaríalles dificil imaxinar que un século máis tarde se lles faría unha homenaxe na que se expuxeron partituras antigas, instrumentos, fotos das formacións... E ata se presentou un libro que recolle a historia do grupo. Grazas en parte a esta homenaxe da asociación “A Regionalista”, descendentes dos Lamas e antigos membros do grupo decidíronse a coller os instrumentos e recordar vellos tempos, algo moi especial non só para eles, senón para todos aqueles que vían no mítico “Sexteto Enxebre Irmáns Lamas de Calo” o seu grupo de toda a vida.