Larpeiros
Guiso de rodaballo / Trufas de chocolate
Os “Larpeiros” da Televisión de Galicia reflexionarán esta semana sobre o importante que é a auga no noso país, xa que é o principio de todo o demais. Se temos auga temos pasto para as vacas, hortas, froitas e tamén ríos, coas súas troitas e lampreas. E quen dixo que a auga non sabe a nada? As augas minerais de Galicia son estupendas. Ademais, á hora de cociñar, ter auga de boa calidade é fundamental, xa que para os caldos, para cocer as verduras ou para amasar a diferenza entre unha auga boa e outra mala é enorme.
Para don Benigno, a súa auga preferida é, sen lugar a dúbidas, a auga do mar, onde se dan os mariscos e os peixes. E como das marabillas que ofrece a auga vai a cousa, o cociñeiro do programa proporá facer un xantar que non deixará a ninguén indiferente: guiso de rodaballo. Pola súa parte, Merchi e Leni poranlle a guinda a este festín cunhas deliciosas trufas de chocolate.
Unha vez decidido o menú, Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, collerá rumbo á Illa de Arousa, onde o agarda Rodrigo para amosarlle todos os segredos da recollida da auga de mar para o consumo humano. Os mariñeiros e a xente da costa levan moitos anos empregándoa para cociñar e hoxe en día xa hai quen a utiliza para amasar pan ou facer conservas, entre outras moitas cousas.