Larpeiros
Guiso de agulla ao estilo do castelo, con Carlos Parra / Flan de requeixo con salsa de froitas
O programa “Larpeiros” recibirá esta semana a visita de Carlos Parra, un dos cociñeiros ourensáns máis recoñecidos, que, ademais, vive nun castelo, un lugar onde sempre hai moito que facer, moito que limpar, moitas plantas que regar, e todo isto abre o apetito. Para loitar contra el, Carlos ten unha arma infalible: os guisos. Ademais, en Ourense teñen uns produtos de primeira para facer estes pratos, como as carnes, as patacas da Limia, os pementos de Oímbra, os embutidos, as castañas ou os viños.
Xa que Carlos Parra está de visita e que na casa dos “Larpeiros” hai tempo que non se ve un guiso de carne, a cousa está moi clara. Carlos vai facer un prato de toda a vida, pero dun xeito algo diferente: guiso de agulla ao estilo do castelo, un guiso con verduriñas do tempo, patacas e o toque especial que lle vai dar un chisco de viño do Porto.
Para isto, Adrián achegarase a Cotobade, en Pontevedra. Alí, da man de Roberto, coñecerá todos os segredos da cría dunha das nosas razas autóctonas: as vacas e os becerros caldeláns. De volta na casa, a festa será completa co flan de requeixo con salsa de froitas preparado por Merchi e Leni.