CRTVG

Buscar

Luar

Gala do cocido

29/01/2016 22:00 h

En directo desde o Lalín Arena, no transcurso da gala, preparada polo equipo de “Luar” e que será presentada por Xosé Ramón Gayoso, Matilde Vázquez e Rocío Barrio, entregaranse o XXII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro e os XXII Premios de Gastronomía de Galicia, organizados polo Concello de Lalín e que están considerados entre os máis relevantes de España no seu xénero. Ademais, a velada da TVG deparará un grande espectáculo musical, cunha ampla nómina de artistas, entre os que figuran a cantante estremeña de pop-dance Soraya, que interpretará algúns dos seus últimos éxitos; e o cantante, compositor e produtor musical dominicano Henry Méndez, que no seu novo álbum de estudio fusiona os estilos cos que destacou desde os seus inicios: temas dance, latino e reggaeton.
Tamén están convidados hoxe á Gala do Cocido tres grupos históricos do panorama musical nacional: Los Toreros Muertos, a banda que rachou os moldes do pop en España e que volve subir aos escenarios 30 anos despois da súa formación; La Década Prodigiosa, unha formación que tamén fixo tres décadas e que continúa a revivir os mellores momentos musicais dos últimos tempos; e Cantores de Híspalis, o grupo que reinterpretou o xénero das sevillanas.
Ademais, esta edición especial do programa da TVG recibirá a visita de Luar na Lubre, a banda folk máis internacional de Galicia, que desde hai preto de 30 anos levan recorrendo o planeta achegando a música e a cultura galegas a través da súa proposta. As mellores orquestras do país tamén están convidadas nesta noite tan especial, en que os espectadores poderán gozar coas actuacións da París de Noia e da orquestra Miramar. 
Polo escenario do Lalín Arena tamén pasarán o grupo de pandeireteiros e cantareiros Pandeiromus, a formación de música tradicional Abóbriga, o grupo dezano De Perdidos al Trío, que interpreta clásicos populares, o Folión Os Viticultutores de Vilamartín de Valdeorras, a asociación cultural lalinense Máis que Danza e a formación Os Tres Tenedores, integrada por músicos e cómicos que mesturan no seu repertorio varias disciplinas, sobre todo a música interpretada en directo e o clown.

Atopar capítulo por: