CRTVG

Buscar

Alalá

Gaiteiros do Vilar

31/10/2006 22:05 h

Celso, Recaredo, Manolo e Paco eran catro mozos amigos que nos anos 60 percorrían moitos dos pobos do sur da Limia e norte de Portugal cunha gaita, un clarinete, unha caixa e un bombo. As súas gañas de divertir e divertirse transformounos en músicos aprendidos de oído que tocaban o que podían, o que lles oían a outros gaiteiros ou o que oían na radio, de aí que o seu repertorio vaia desde o "Alalá" de Massiel ata a Muiñeira da Raia.

Os gaiteiros do Vilar foron aprendidos na necesidade e no inxenio. A música axudaba nas largas horas de traballo nas mallas de día ou nas perigosas noites que saltaban a fronteira con Portugal para ir ao contrabando, nun tempo no que había que subsistir do que fora.

Como eles din “a fame era máis alegre que a fartura” e aínda recordan como no ano 1944 un bombardeiro canadense da Segunda Guerra Mundial se estrelara no monte do Vilar e os veciños aproveitaran as chapas de aluminio daquel avión para construír un bombo e unha caixa no que eles mesmos aprenderan a tocar.

A emigración dos 60 e 70 fixo que moitos marcharan e os que quedaron non seguiron coa música, pero case trinta anos despois, os catro xuntáronse para o público do “Alalá”. Volveron para divertir e contar a súa historia aqueles mozos dos 60 que conservan intacta a frescura e a ledicia da música tradicional máis popular.

Música, risas e unha visión íntima da Galicia máis rural co cuarteto dos Gaiteiros do Vilar.

Atopar capítulo por: