Alalá
Gaiteiros de Santa Comba
Moitos dos vellos gaiteiros que levamos coñecido, contáronnos que polas circunstacias da vida, nalgún momento tiveron que pousar a gaita e gardala ben gardada para que non se apolillara. Algúns pasaron décadas sen poder collela na man e podería dicirse, por isto, que tocala gaita é un luxo que só se poden permitir aqueles que teñen talento e tempo para dedicarlle. Por iso a xubilación é un momento perfecto para recuperar as afeccións e por suposto, tocar a gaita.
O grupo de hoxe: “Os gaiteiros de Santa Comba” son un grupo de amigos xubilados que se dedicaron ó longo da súa vida a diversas profesións, foron labregos, mecánicos, zapateiros, traballaron nas minas de Wolframio e algún ata emigrou ao Brasil e Alemania. Case todos eles empezaron a tocar algún instrumento sendo moi nenos e outros aprenderon sendo non tan nenos.
Este grupo de gaiteiros toma o asunto moi en serio, algúns saben solfexo e os que non tocan de oído e outros gravan as pezas para aprendelas sen fallo ningún. Cadaquén á súa maneira pero, teñen un mestre de excepción que se reúne con eles no Centro Sociocomunitario de Santa Comba tódolos venres para seguir aprendendo.
O músico Pablo Seoane é un deses mestres comprometidos que cumplen unha labor que vai mais alá da puramente didáctica, Pablo está moi orgulloso desta agrupación que tanta ansia e ganas ten de levar alegría alá onde van. Ademais das festas ás que van tocar, un dos lugares aos que non faltan é ao baile dos domingos no Centro Sociocomunitario de Santa Comba, este Centro que forma parte das súas vidas e converteuse para moitos deles nun segundo fogar.