Alalá
Gaita de Sarandón (Requinteiros do Ulla)
Viaxamos ao Val da Ulla. En San Miguel de Sarandón viven Marcelino de Muiñeiro e Pepe de Nande, os dous últimos requinteiros que aínda tocan nunha formación estable. Ao redor destes grandes e vellos mestres reuníronse un grupo de músicos novos que, engaiolados polo son da requinta, quixeron recuperalas vellas tradicións musicais da Ulla con “A gaita de Sarandón”.
Pepe e Marcelino ademais de veciños son amigos desde a infancia. Xuntos teñen unha chea de vivencias tanto musicais como persoais. O que tiveron en común os dous foi o amor pola música e de cativiños conseguiron xa o seu primeiro pínfano ou frauta co que andaban “pinfaneando” mentres andaban coas vacas nas veigas.
Descubriremos tamén como se empregaban hai moitos anos instrumentos pouco coñecidos, como pode ser o charrasco. Recuperar o repertorio e o legado musical que os dous reteñen na mente, o obxectivo do grupo, as pezas de cando tocaron na “Gaita de Vedra” e as das festas e troulas cos veciños de Sarandón. Grazas ao traballo e esforzo deste grupo, a requinta, un instrumento case esquecido, está a vivir hoxe un momento de esplendor que se ve reflexado coa publicación do seu primeiro traballo discográfico: Requinteiros da Ulla.
Na gaita de Sarandón hai unha mestura de idades, carácteres e personalidades. Ademais de músicos, no grupo hai un enxeñeiro, un investigador, un bibliotecario, un mecánico... E de todo isto xorde unha formación que está a acadar un éxito importante, que lembra aqueles grupos de requinteiros, de comezos do século vinte, que constituían outro dos emblemas do Val da Ulla.