Alalá
Flor de Toxo
Hai dúas cousas polas que o concello de Avión é moi coñecido: pola emigración a México e pola riqueza en música tradicional que atesoura, porque case non hai grupo de pandereteiras ou bailadores en Galicia que non teña no seu repertorio algunha peza saída de Avión.
Os vintecinco compoñentes de Flor de Toxo aúnan estes dous elementos: todos estiveron emigrados, tocan a pandeireta e cantan coplas do mesmo xeito que llo escoitaban facer ás súas avoas antes de ter que marchar a México, Venezuela ou Alemania cando apenas cumpriran quince anos.
A música foi para todos un dos recordos máis amables dos que os acompañaron nos anos que pasaron fóra de Galicia. E agora que son emigrantes retornados, coa mestura de emocións e vivencias que iso conleva, decidiron xuntarse para facer desa música que escoitaban cando eran nenos un motivo de unión e de festa.