Alalá
Especial Nadal (Tui)
Facemos un percorrido polo ciclo do Nadal, desde Noiteboa a Reis, seguindo as distintas manifestacións musicais que se dan nesta época no sur da provincia de Pontevedra. Bailes e cantos que van variando segundo pasan os días, desde as panxoliñas e os Cantos de Nadal, cos que principian as festas, ata as danzas e cantos propios do día de Reis.
Os veciños de Salvaterra, Ponteareas, Mondariz e Tui mantiveron viva a tradición de xuntarse nestas datas en agrupacións ás que chaman bandos e ranchos para percorrer as parroquias cantando e bailando de casa en casa. Deste xeito, ademais de pasalo ben e felicitar as festas, aproveitan para pedir o aguinaldo, que pode ser desde uns chourizos e un vaso de viño ata cartos. Por iso para moitas familias esta tradición chegou a ser unha importante fonte de ingresos.
Neste Alalá coñeceremos a unha destas familias: aos da Oura.