CRTVG

Buscar

Alalá

Especial desde Allariz

07/08/2015 22:05 h

Repasamos a situación da tradición musical galega a través de entrevistas e de tres propostas moi diferentes e de extraordinaria calidade: Treixadura, grupo que está acompañado polo coro Cantigas e Agarimos; Radio Cos e Davide Salvado.

Treixadura acaba de celebrar o seu 25 aniversario como grupo cun disco gravado durante un concerto no Teatro García Barbón de Vigo en que estiveron acompañados por Cantigas e Agarimos. Durante o programa interpretan algúns dos temas recollidos neste traballo, que amosan a súa evolución como grupo, desde que naceron como gaiteiros con ganas de facer moita festa ata que incorporaron as voces do Orfeón para converterse nunha das agrupación con maior éxito do país.

Outro dos grupos máis aplaudidos da actualidade musical galega é Radio Cos, encabezado polas voces e a percusión de Quique Peón e Xurxo Fernandes e coa mestría musical de Pedro Lamas coa gaita e o saxofón, Nicolai Velikov co violín e Xan Pampín co acordeón. Interpretan temas do seu primeiro disco, unha proposta orixinal e chea de enerxía e de amor pola terra, froito de anos de traballo a pé de campo e coa que queren chamar a atención sobre a falta de visibilidade da nosa música tradicional.

Davide Salvado está tamén a presentar o seu novo disco, “Lobos”. A voz de Davide soa en Allariz acompañada pola batería de Carlos Freire e o acordeón de Santi Cribeiro, noutra demostración de virtuosismo e arte. Davide tamén fala das sús crenzas musicais e da débeda que sente coas mulleres das aldeas, das que aprendeu a cantar e a tocar a pandeireta.

Atopar capítulo por: