CRTVG

Buscar

Alalá

Entroido de Hío

23/03/2010 22:05 h

No entroido do Hío (Cangas) non soa máis música que a das gaitas. E soa durante tres días seguidos. Sete grupos de gaiteiros, un por cada unha das aldeas da parroquia, percorren os kilómetros que hai dun lugar a outro seguidos polos veciños que forman cada unha das comparsas, disfrazados e bailando sen acougo. Cando chegan ás distintas aldeas, un por un van tocando nun palco construído para a ocasión e adornado con mimosas e loureiro xunto cos veciños que acompañan ó grupo correspondente. Fano así en cada aldea e cando rematan e repoñen forzas comezan a camiñar cara a seguinte todos xuntos, unha comparsa tras outra. E sémpre tocando e bailando.

Esta tradición vén xa de finais do século XIX e tén un protocolo moi marcado. Organízano dende sempre os mozos solteiros, ós que chaman “socios”, dirixidos por un presidente. Eles son os encargados de contratar ós gaiteiros, construír os palcos nos que van tocar os grupos, acondicionar os locais nos que celebran os bailes pola noite, mercar os foguetes e o viño tinto, outro dos elementos indispensables nesta festa.

Por este entroido pasaron algúns dos grandes grupos de gaiteiros da historia, como Os Campaneiros ou Os Morenos de Lavadores, e aínda hoxe os organizadores seguen preocupándose por levar ós mellores. Que toquen moi ben, aguanten o tirón e fagan moita festa. Porque a festa aquí faise ó son das gaitas.  

 

Atopar capítulo por: