Alalá
Entroido Castro de Laza
No programa Alalá desta noite achegámonos a un lugar no que as tradicións se manteñen dende hai ducias e ducias de anos, trátase do entroido, o de Castro, no Concello de Laza. Debido ás súas raíces ancestrais é un dos mais visitados e un dos mais agardados. Ó longo de varios días o programa está ateigado de “actividades” que facer, o problema é dar feito todas, porque aquí o ritmo é frenético. O día grande é o domingo, o día que se estrea o Peliqueiro, o día que corren pola vila movendo as chocas e visitando ós veciños casa por casa. Para descubrir a figura principal no seu ambiente ímolos seguir, correr con eles e a un tempo e preguntaremoslle ós veciños por todo o que nos chame a atención.
Ata hai poucos anos quedaban pouquísimos traxes de peliqueiro porque non había quen os fixera, así que non quedaba mais remedio que alugalos por horas, pero despois volveu á vila Paco, O Xastre e el foi quen de recuperalos para todos. Falaremos co señor Paco, “O Xastre” dos seus recordos, das partes do traxe, do sentimento de levalo...O de Castro diferenciase de moitos outros entroidos porque aquí non se escoitan megafonías nin amplificadores a todo trapo con “bacalao” e “chunda-chunda”, aquí a música é a dos gaiteiros, o seu papel, que foi fundamental desde hai anos e, desgraciadamente, non poderemos estar este ano co outro Paco, o de Escornabois. Paco foi durante moitos anos o gaiteiro que lle puxo música ó entroido en Castro. El non está pero sí a súa música porque os gaiteiros que recorren este ano as rúas seguen a tocar as pezas que aprenderon del.
Música non vai faltar, nin baile, nin festa,nin formigas,nin pelexas de farrapos... e bica para endulzar a festa.