CRTVG

Buscar

Alalá

Eduardo Lorenzo (Cuba III)

04/03/2008 22:05 h

Revivimos en Cuba a historia de Eduardo Lorenzo, que foi e será para sempre o gaiteiro da Habana.

A súa historia, como a de moitos, foi a dun galego en Cuba. Cando era neno escoitaba tocar a gaita ao seu pai e admirábao moitísimo. El imitábao cun balde e unha lata e ensaiaba melodías cando ía coas ovellas ao monte. Os anos pasaron e Eduardo continuou coa súa paixón na Habana. Pero a súa afección foi moito mais alá, converteuse no gaiteiro galego admirado, querido e respectado, non só pola colonia galega senón tamén polos cubanos.

Coa súa imaxinación e con escasísimos medios construíu gaitas, ensinou a facelas e levou coa súa melodía un cachiño de Galicia. Así, conseguiu deixar alí a mellor das herdanzas: que en Cuba o son dunha gaita continúe a soar. O seu desexo viuse sobradamente cumprido, el quería que no seu enterro soaran gaitas e deixar, polo menos, un par de gaiteiros en Cuba. Non só foi así senón que quedaron máis que dous gaiteiros, moitos mais.

Un exemplo é o de Roberto Puldón que hoxe segue tocando a gaita co sentimento que herdou de Eduardo. Outros como Wilber mesturan ritmos e tendencias da música universal coa gaita e mesmo se fixeron un oco no cine, participando na película “Habana Blues”.

Para coñecer a fondo a vida deste galego, ademais de falar cos seus alumnos, veremos as imaxes de do documental “O último gaiteiro”, do ano 1992 e falaremos co director de fotografía do mesmo, Victorino Lourido, que tivo a oportunidade de coñecer en vida a este artista.

Dez anos despois Natasha Vázquez e Rigoberto Senarega decidiron facer outro: “Los últimos gaiteiros de la Habana”. Cando xurdiu a idea Eduardo xa andaba mal de saúde pero iso non impediu que cumprise o último anhelo da súa vida, volver a Galicia, a Arbo, á terra que o viu nacer. Unha vez alí Eduardo abandonou a cadeira de rodas e tocou, cantou e bailou e reencontrouse con Carlos Núñez.

Pouquiño tempo despois Eduardo morreu en Cuba tras cumprir o ansiado soño da súa vida, visitar a súa terra e que no seu enterro aqueles gaiteiros que el deixou tocaron a súa última melodía.

Atopar capítulo por: