CRTVG

Buscar

Luar

Dúo Dinámico / Georgie Dann / Irmáns Diumaró

27/06/2014 22:00 h

A visita do Dúo Dinámico e de Georgie Dann, a segunda edición do concurso de chistes e a final de “Vai de Gaita” serán esta semana algúns dos atractivos do programa “Luar”.

Polo escenario pasará un dos grupos españois de maior percorrido, os pioneiros do pop-rock en España e os primeiros ídolos xuvenís da música española. Con máis de 50 anos de vida artística ás costas, Manuel de la Calva e Ramón Arcusa interpretarán algunhas das cancións do Dúo Dinámico que permanecen na memoria musical colectiva.

O espazo da TVG tamén contará hoxe coa actuación do popular cantante francés, residente en España, Georgie Dann. Este artista, querido pola súa simpatía e sinxeleza e coñecido como o rei da canción do verán, logrou que medio mundo baile todos os anos ao ritmo das súas cancións.

Como é habitual, tamén haberá tempo para a música tradicional, nesta ocasión coa presenza da Banda de Música de Vilatuxe, do grupo de gaitas e baile Coribantes de Buchabade e da Agrupación Folclórica Ultreia. O humor de Pascual e Marcial e a maxia do ilusionista Miguel Muñoz completan a proposta de “Luar” para este venres á noite.

Pero isto non será todo, xa que o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro celebrará esta noite a segunda edición do seu concurso de chistes, coa presenza do gañador do ano pasado, Víctor Bascoy. Os aspirantes a chistosos oficiais do programa serán avaliados por un xurado formado por Federico Pérez, Teté Delgado e Lito de Arzúa.

Pola súa parte, Susana Seivane, Lorena Freijeiro e Cristian Silva, integrantes do xurado de “Vai de Gaita”, terán a difícil misión de avaliar os finalistas do concurso, cuxo primeiro premio, de 4.000 €, se disputarán hoxe Álvaro Rúa e Jandro Barciela.

Ademais, o concurso “Recantos” tamén se encamiña cara ao cénit e hoxe celebrará unha das súas semifinais, en que se enfrontarán Lorena Ferro, procedente da comarca da Arousa; e Rubén, representante de Terras de Compostela.

Atopar capítulo por: