Alalá
Donicelas
Desta volta contamos a historia dunhas cativas de Salceda de Caselas, as Donicelas, que con tan só nove aniños ilusionáronse coa música da nosa terra. Para elas a pandeireta e os cantos tradicionais comezaron sendo un xogo, pero as nenas medraron e o xogo transformouse nunha das súas paixóns.
O destino quixo que coincidiran cun mestre, Toniño, do grupo Treixadura, que soubo facer da música unha materia atractiva e que conseguiu que este obradoiro fose o mais solicitado para as pequenas artistas.
A música das Donicelas enfeitizou primeiro a un colexio, logo a toda unha vila e así apareceron as primeiras actuacións. Comezaron a soar na radio, na televisión e chegou un dos sonos mais ansiados por elas: a gravación do seu primeiro disco.
Hoxe as mozas compaxinan os seus traballos e as súas familias coa música, que está presente sempre nas súas vidas. Tere, Bea, Noelia e Isa son as catro amigas que están xuntas desde os comezos deste proxecto musical e xa van alá case vinte anos. Co tempo incorporáronse Andrea e Rosa e esta fermosa historia segue viva pola amizade que as une e polo ben que o pasan xuntas.
Neste programa de Alalá as voces das Donicelas estarán acompañadas por Treixadura e polo Orfeón Treixadura. Veremos como é a vida destas Donicelas e entenderemos porqué as súas voces seguen a enfeitizar do mesmo xeito que o facían de pequeniñas.