Alalá
Dignas do Querer
Achegámonos a Ponte Caldelas para estar con algunhas coñecidas nosas: as pandereteiras “Dignas do Querer”; que agora incorporaron algunha figura masculina. Teriamos moitas cousas que dicir destas mulleres, pero o máis salientable é a enerxía, ganas, paixón e amor que lle poñen á súa música, ás súas actuacións e cando van por aí aos seráns, rodeadas de xuventude, que é algo que as fascina. Algunhas delas xa as coñecemos hai catro anos, cando estabamos comezando este ilusionante proxecto.
Están encantadas porque acaban de cumprir un pequeno soño: gravar un disco! Que foi algo que non esquecerán nunca. Non paran, alá onde as chaman van, tanto é así que chegaron ata Bruxelas; como elas dín, “o que non fixemos de novas estamolo a facer agora”.
Aproveitando que estamos nesta zona de Ponte Caldelas falaremos tamén da emigración que aquí foi predominantemente ó Brasil; cando estivemos en Salvador de Bahía, atopamos unha chea de xente que marchou desta zona de Ponte Caldelas e da Lama, algúns non volveron nunca, outros veñen de cando en vez e algúns retornaron.
Estes galegos que marcharon levaron a música e os oficios con eles, un dos mais importantes era o da cantería. Falaremos cun canteiro, amigo das mozas do grupo e recuperaremos o “verbo” deste gremio, a xerga que empregaban e que só eles entendían. Que mágoa que hoxe xa non se saiba!