Luar
Días das Letras Galegas, con Milladoiro e Fuxan os ventos
En vésperas do Día das Letras Galegas, “Luar” está hoxe centrado na nosa lingua e na nosa cultura, con actuacións de destacados grupos tradicionais do país e coa ollada posta en distintas iniciativas relacionadas coa identidade galega.
O programa conta coa presenza de Milladoiro, considerado como un dos mellores grupos de música celta e un dos principais embaixadores da cultura galega por todo o mundo. Desde a súa formación, nos anos 70, veñen realizando un longo e incansable labor de recuperación da música tradicional galega.
Tamén actúa Fuxan os Ventos, a voz máis popular da nova canción galega e que segue a ser historia aberta. Creado en 1972, non foi o único grupo da época cun gran compromiso social, pero si o que máis éxito obtivo, chegando non só á intelectualidade galega vinculada á canción protesta, senón tamén á Galicia máis rural.
Ademais, pasan polo escenario a cantante Pili Pampín, o grupo Pirilampo, a Banda da Escola de Música de Rianxo, que actua xunto a Carapaus, a Coral Polifónica de Ponteareas, a orquestra La Ocaband, a Banda de Gaitas Tarabelo e a Asociación Folclórica Santiaguiños de Boimorto.
Neste especial das Letras Galegas tamén haberá tempo para seguir co concurso “Recantos”, que esta semana lles dá o micrófono a Marcos Pardo, representante de Ourense Norte; e a Gonzalo Brea, procedente da Barbanza.