Alalá
Cores do Atlántico
Din as lendas que na Illa de San Simón atracaron temibles corsarios, que viviron monxes templarios e que ata alí chegou ata o mesmísimo Capitán Nemo buscando eses tesouros que din que están ocultos pola illa… Por iso viaxamos ata alí, para descubrir un tesouro musical: os novos ritmos da lírica medieval galego portuguesa.
Asistiremos a un concerto das históricas Cantigas de amigo, pero musicadas cos ritmos alegres e sensuais do Brasil. O concerto é a presentación dun libro-disco chamado “Cores do Atlántico” e dentro del hai unha xoia que estaba agochada e hoxe saíu á luz... Ata agora os estudosos decían que as cantigas de amigo foran compostas polos trovadores medievais como Mendiño, pero no libro hai unha nova tese sobre a procedencia desas cantigas que afirma que, en realidade, foron recollidas polos trovadores na época medieval de cantos que as mulleres interpretaban.
Esta é a tesa da profesora Ria Lemaire, que fixo un coidadoso estudo sobre o tema ao que se sumou a compositora Socorro Lira, recollendo unha selección de cantigas e transformándoas en fermosas pezas musicais adaptadas aos nosos tempos. Ademais Socorro tivo a colaboración de músicos galegos, brasileiros, africanos e foron mestres de obra os amigos de “Ponte nas Ondas”.
“Cores do Atlántico” non só é unha revisión sobre a procedencia das cantigas de amigo senón que constitúe un fermoso tesouro musical, que verte un raio de luz sobre a nosa historia.