Alalá
Conservatorio de Lalín
Alalá pasa un sábado cos mestres e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. O sábado é o único día no que teñen clases. Por iso uns e outros intentan aproveitar as horas ao máximo e o centro convértese nun ir e vir de mozos cargados con acordeóns diatónicos, zanfonas, requintas, tambores e gaitas.
Xente moi nova, chea de enerxía e de gañas de converterse en profesionais da música tradicional. O que fai especial a este conservatorio é o bo ambiente que se crea entre as mais de cen persoas que cada sábado enchen as aulas.
Todos os mestres están metidos de cheo na música, viven por e para ela, tocan en varios grupos e contaxian aos seus alumnos o seu amor e respecto pola tradición e as posibilidades que esta ten á hora de desenvolver a creatividade artística de cada un. Os alumnos reverencian aos seus mestres, auténticas eminencias nas súas especialidades, e transmítenlles á súa vez o seu entusiasmo e unhas enormes ganas de aprender e de experimentar.
Neste Alalá descubriremos en que consiste o atractivo deste conservatorio, a súa filosofía de estudos, orientada a crear artistas completos que sexan bos coñecedores da tradición e conscientes de que se pode vivir da música. Saberemos que é o que fai que acudan a Lalín desde os lugares máis afastados de Galicia e veremos como son e como viven dentro e fóra das aulas estas persoas, mestres e alumnos, que deciden pasar todo o sábado aprendendo mais da música tradicional.