CRTVG

Buscar

Alalá

Concha de Luneda

23/05/2006 22:05 h

Atopámonos entre as provincias de Pontevedra e Ourense e a moi pouquiña distancia de Portugal. Nesta zona, concretamente no concello da Cañiza, vive Concepción Rodríguez Álvarez mais coñecida por Concha de Luneda. Unha muller entrañable que conserva viva a tradición oral e musical desta zona de forte influencia portuguesa. De feito, entre as pezas que lle escoitaremos cantar acompañada por Xerardo, Patricia e María, membros do grupo Xistra de Coruxo, haberá algunha con letra en portugués.

Pero ós seus 77 anos, o que máis sorprende de Concha é a súa personalidade afable e divertida, o seu optimismo e a gana de seguir cantando, algo que non perdeu nunca por moi dura que fose a vida. Viviu a Guerra Civil sendo unha nena, pasou fame e mesmo andou a pedir polas portas pero Concha conseguíu saír adiante. 

Durante anos vendeu peixe, traballou na terra e, finalmente, tivo que emigrar a Barcelona. Alí estivo durante máis de vinte anos e tamén alí conseguiu un dos seus bens máis prezados: aprender a ler. Agora vive do que ela mesma cultiva e, de feito, asegura que non precisa nada mais para ser feliz xa que ela tece, fía, confecciona a súa propia roupa e a do seu marido e aínda lle queda tempo para ser a sancristá da parroquia.

Ademais de todo isto, Concha de Luneda recibe, habitualmente, a moitos mozas e mozas que se lle achegan á casa para aprender do seu repertorio e para conversar con ela. Porque esta muller, que é todo enerxía, é unha gran conversadora que debece por contarlle á xente nova as súas peculiares teorías sobre as cousas importantes da vida. 

 

Atopar capítulo por: