Luar
Revólver e Nacha la Macha
O programa “Luar” (22.00 horas) recibirá hoxe a visita de Révolver, a banda liderada por Carlos Goñi, que remata en Galicia a xira de presentación do seu novo disco, “Babilonia”. O grupo conta cunha carreira prolífera chea de éxitos, boas cancións e vibrantes directos, que converteron a Goñi nun dos artistas españois máis emblemáticos. Agora volve co seu traballo máis descarnado, sincero e directo, unha colección de dez cancións que lle dan un xiro radical á traxectoria do conxunto.
O espazo da TVG tamén ofrecerá este venres a actuación da cantante, presentadora e actriz Nacha la Macha, que sorprende co seu novo e agardado álbum, “Como la copla no hay ná”, en que estivo traballando catro anos xunto ao mestre Rafael Rabay. Neste disco inclúe rumba, bolero, tanguillo, cabaré, rancheira e, por suposto, copla.
Ademais, polo escenario de “Luar” desfilarán Los del Río, as Pandeireteiras Titiriteiras, a formación A Ponte Vella, Sisters in House, un dos coros participantes no programa “Oh Happy Day”, e o mago Luís de Matos.
Polo demais, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro ofrecerá novas edicións dos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos”, seguirá co concurso da chamada, hoxe cun premio de 500 euros, e falará da mosca, ese molesto insecto do que sabemos menos do que coidamos. Así, os espectadores descubrirán esta noite, por exemplo, canto viven, como se reproducen e cales son os métodos máis eficaces para librarse delas.