CRTVG

Buscar

Luar

Con Pasión Vega, King África e "Eladio y Los Seres Queridos"

19/06/2015 22:00 h

 O programa “Luar”, que hoxe terá como tema de fondo a innovación nos instrumentos tradicionais galegos, recibirá a visita de Eladio y Los Seres Queridos. Despois de recoller o Premio Galego da Música á mellor banda galega indie-pop de 2013 e tras dous anos de silencio discográfico, publican o seu terceiro álbum de estudio, “Orden Invisible”, caracterizado por fermosas melodías, letras intelixentes e coidadas e unha gran contundencia na súa manufactura final.

Outra artista que presentará novo disco en “Luar” será a cantante Pasión Vega, que, coincidindo co 15 aniversario da morte de Carlos Cano, lle rende unha sentida homenaxe ao cantautor e poeta andaluz con “Pasión por Cano”, álbum composto por 12 cancións emblemáticas do seu repertorio, co que Vega reivindica a importancia de Cano para a renovación do xénero da copla.

Tamén subirá este venres ao escenario do programa o artista de orixe arxentina King África, un asiduo da canción do verán que intentará novamente converter un dos temas nun himno desta época con “El cocodrilo”, que interpretará a dúo con DKuba.

Ademais, o espazo da TVG ofrecerá as actuacións da Asociación Cultural Donaire, creada hai 15 anos na Coruña co obxectivo de recuperar, promover e difundir unha importante parcela da nosa cultura tradicional como é o folclore galego; de Os Melidaos, sete gaiteiros que cantan, músicos de diferentes xeracións e variada procedencia que consideran que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar; e da Banda de Música de Abegondo.

Por outro lado, os espectadores coñecerán hoxe os finalistas do concurso “Vai de Gaita” e disputarase outra rolda das semifinais de “Recantos”, esta noite co enfrontamento entre Luci, de Ourense Oriental, e Pablo Couto, representante da comarca do Miño.

Atopar capítulo por: