Luar
Manu Tenorio, Rafael Basurto e Bruxo Queimán
Este venres festivo o programa “Luar” non faltará á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia. E farao cun convidado de excepción: o cantante Manu Tenorio, que lles presentará aos espectadores galegos o seu último sinxelo, “Se me eriza la piel”, adianto do seu novo disco, o sétimo da súa carreira, que sairá á venda en maio. Con esta canción romántica, o sevillano volve dar mostras da súa capacidade para compoñer baladas.
O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro, que contará coa presenza dos últimos representantes dun oficio tradicional galego como é a olería, tamén ofrecerá hoxe as actuacións de Rafael Basurto, a voz de Los Panchos, o emblemático grupo de canción romántica; e do artista vigués Bruxo Queimán, que ofrecerá un adianto do seu novo espectáculo musical, “Keltia”, en que, xunto a Andrea Pousa, se somerxe de forma impactante nas orixes de Galicia.
O cartel do “Luar” desta semana complétase coa Coral Polifónica de Chantada, unha das históricas de Lugo, con 50 anos de existencia; co grupo La Oca, coa agrupación folclórica Xilbarbeira, que leva 25 anos difundindo o folclore tradicional; do grupo de canción popular Escolma de Meus; dos Pandeireteiros de Malveiras e da formación Alboradas de Taboadelo.
Por outro lado, o programa intentará bater hoxe o récord do mundo de forza. O vigués Roberto Rodríguez, que gañou a liga de forza no seu debut na competición, intentará percorrer 75 metros cargado con 250 quilos en menos de 47,6 segundos. A proposta de “Luar” para este último venres do inverno complétase con novas edicións dos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos”.