Luar
Con Luz Casal e María do Ceo
O programa “Luar” contará hoxe coa presenza no escenario da cantante galega Luz, unha das solistas máis valoradas da música deste país, que interpretará temas do seu último disco, “Almas gemelas”. O espazo da TVG presentado por Xosé Ramón Gayoso, Matilde Vázquez e Rocío Barrio tamén recibirá hoxe a visita da cantante María do Ceo, de orixe portuguesa pero galega de adopción, unha das intérpretes máis recoñecidas internacionalmente, que ten sempre o fado como inspiración tradicional.
Nesta edición de “Luar”, en que se falará dos insultos galegos máis enxebres, tamén actuarán a orquestra Gran Parada; o grupo de música tradicional galega Donicelas, formado por seis voces femininas acompañadas de percusión, gaita e acordeón; a agrupación de música e danza tradicional Queiroa e o grupo portugués de música moderna Ús Sai de Gatas. No tempo de “Recantos”, collerán esta semana o micrófono Diego Alma, representante da comarca Terras do Eume, e Aurora, procedente da Mariña.