Luar
Con La Década Prodigiosa e Los del Río
O programa “Luar” contará hoxe coa presenza no escenario dun dos grupos máis lonxevos e queridos do noso país: La Década Prodigiosa, que neste 2015 cumpriron 30 anos revivindo os mellores momentos musicais dos últimos tempos.
O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Sonia Noguerol tamén ofrecerá este venres a actuación de Los del Río, que seguen incombustibles despois de máis de 40 anos de carreira e case tantos discos editados; de Malvela, que son unha referencia na nosa música e que representan a voz das mulleres galegas coas súas cancións da terra; e da Agrupación Folclórica O Arco da Vella.
Ademais, como cada semana, ofreceranse senllas edicións dos concursos de talentos “Vai de Gaita”, en que chegará a quenda de Xaquín e de Aroa; e “Recantos”, hoxe coas actuacións de Esmeralda, procedente de Ourense Sur; e Libertad Herrera, da comarca Terras da Coruña.
Fóra xa do terreo musical, o programa recibirá novamente a visita de Ana Oca, que falará de Galician Gourmet Extravaganza, un tour gastronómico que achegará os produtos galegos ás principais capitais do mundo, con parada a semana que vén en Londres.
“Luar” tamén terá hoxe un convidado moi especial: o burro “Chulo”, que viven en Salceda de Caselas e que acumula un palmarés de nada menos que 35 vitorias e 42 segundos postos en carreiras por toda España. “Chulo” demostrará a súa forza e velocidade nunha carreira de burros que poderán presenciar os espectadores do programa.