Luar
Con Francisco e Los Vivancos
Esta noite “Luar” vén cargado dunha programación moi diversa en canto a actuacións se refire. A temática pola que xirará o programa serán os anos corenta e contarán coa presenza do cantante Francisco, gañador do festival da OTI no ano 1981 co seu tema “Latino” e no ano 1992 con “A donde voy yo sin ti”. Pero, nesta ocasión, os espectadores do musical poderán gozar doutros dous sinxelos do cantante, titulados “Amapola” e “María bonita”.
Francisco non será o único célebre convidado este venres. Xosé Ramón Gayoso e Sonia López recibirán a coñecida agrupación de danza Los Vivancos. Elías, Josué, Josua, Cristo, Aarón, Israel e Judan levan dende o ano 2007 actuando xuntos, pero xa teñen unha larga bagaxe como bailaríns en diferentes compañías a nivel nacional.
O toque folclórico galego virá da man da Agrupación Faragulliñas, coa súa “Ruada en Langueirón”, e co grupo Fiandola, con “Rumbaile”. Por outra banda, o ritmo e o baile porano os membros da Orquestra Compostela, que interpretarán os temas “A Santiago” e “La morena de mi copla”. O humor e as risas, como de costume, correrán da man de Os Ramistas cun “sketch” titulado “No Quirófano”.
O que tampouco pode faltar nunha noite do “Luar” é unha actuación dun coro de “Oh Happy Day”, desta vez son os Acorde Secreto, que interpretarán “María Soliña”. E falando de concursos, os recanteiros tamén terán un oco esta noite, catro semifinalistas competirán nesta terceira semifinal de “Recantos” para abrirse un oco na tan esperada final. Tampouco hai que esquecer o “Vai de Gaita”, onde catro rapaces compiten por gañar unha gaita como premio final.
E, para premio, o que darán esta noite Gayoso e Sonia López no concurso da chamada. O afortunado ou afortunada que responda correctamente á pregunta dos presentadores poderá levar para a súa casa a cuantiosa suma de 1.500 euros.