Alalá
Catálogo da Limia
Esta entrega de Alalá vai dedicada ao recoñecemento e á homenaxe daqueles que dedicaron o seu tempo a buscar incansablemente tesouros da nosa música tradicional e deron despois as coordenadas para que nós simplemente tiveramos que admiralos e compoñer os “Alalás” coas súas verbas. Neste Catálogo de Músicos Tradicionais da Limia veremos gaiteiros con mais de medio século e historias da lembranza da comarca.
Acompañaremos a Castor e Félix, dous verdadeiros investigadores. Eles dous son notarios da música tradicional galega, que durante dez anos fixeron máis de 4000 quilómetros polo interior da Limia, en Ourense, na procura de verdadeiras xoias musicais do patrimonio cultural.
Músicos tan reais como incribles que coa axuda doutros coma eles, Iván Area, Pablo Carpinteiro e Delfín Caseiro, foron capaces de plasmar tanto nun catálogo de músicos. Entre todos inmortalizaron para sempre aquel saber tradicional da comarca da Limia nun libriño tan breve como ancestral que poderemos ler nas imaxes e nos beizos dos seus personaxes.