Alalá
Casa das crechas
Dende Alalá propoñemos un xeito diferente de comezar as vacacións de Semana Santa: a foliada da Casa da Crechas. Neste afamado local da zona vella de Santiago celébrase cada mércores, desde hai 19 anos, unha festa musical improvisada á que calquera pode sumarse.
Nas Crechas os músicos veteranos mestúranse con músicos máis novos, os profesionais con afeccionados, habituais con espontáneos, galegos con irlandeses ou escoceses, gaitas con violíns, acordeóns, frautas, pandeiretas ou saxos. O resultado desta diversidade resulta espectacular, música de calidade feita polo puro pracer de tocar. Conseguen así unha festa aberta na que non hai repertorio fixo, nin músicos fixos, calquera que saiba tocar e cantar pode achegarse ata alí e facelo.
Por suposto hainos que xa son habituais, coma Manuel Amigo ou Quim Farinha que xa estiveron naquelas primeiras foliadas de hai dezanove anos. Tamén resulta fácil que os mércores pola noite poidamos ver por alí a Santi Cribeira –compañeiro de Quim no grupo Berrogüeto-; ou a Antón das Pontes, un bohemio que vive de tocar na rúa; a Xan e a Pablo, dous músicos novos membros de Xochilmica; a Roi, un ebanista con alma de artista; ou a Davide Salvado e a Pepa Yañez, parella do Cabaret D’aquí, que fan resoar as súas impresionantes voces nas noites de foliada.