CRTVG

Buscar

Luar

Carlos Baute, Brais Morán e Sonia Lebedinsky

15/06/2018 22:00 h

“Luar” recibe o venezolano Carlos Baute, un dos artistas chegados da outra beira do Atlántico con máis éxito no noso país. Con preto de dous millóns de discos vendidos e unha morea de premios ás súas costas, é tamén un dos artistas máis queridos polo público galego.
Tamén está esta noite no espazo da TVG o cantante Brais Morán, que está a presentar o seu último traballo, titulado “No Mato do desespero”. Coñecido como cantante e guitarrista da banda galega de funk Loretta Martin, Brais constrúe agora outro universo paralelo cunhas letras máis persoais e cunha forma máis individualista e directa de transmitir.
Outra das artistas convidadas é Sonia Lebedinsky, ex-compoñente dun dos grupos máis importantes da tradición galega, o desaparecido Fía na Roca. A cantante interpreta temas de “Deserto de centos”, o seu primeiro traballo en solitario, que é o resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo da súa traxectoria profesional como trad, folk, funk, pop e ritmos brasileiros.
Pero se hai unha actuación que sen dúbida chama a atención dos espectadores será a dos presentadores de “O Tempo” da TVG. A piques de estrear a nova estación, Diego Viaño, Ana Celia Vázquez e Noelia Rodríguez soben ao escenario para invocar o verán cunha canción moi particular.
O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e María Mera tamén conta coa presenza da Agrupación Folclórica Renacer, do grupo de pandeireteiras da Asociación Retranqueiros, da orquestra Ritmo Noche, da Rondalla de Aguiño, da cantante María Chenlo, da Asociación Cultural Retranqueiros de Ames, dos Chulapeiros de Madrid e do humorista Moncho Borrajo.
Coma sempre, “Luar” ofrece unha nova edición dos concursos “Vai de Baile”, coa participación dos dúos Firmenus Melitonus e Ramilos do Roupeiro, e “Recantos”, en que se enfrontan Cristina Cimadevila, representante da comarca Terras de Pontevedra, e Marc Alonso, procedente de Bergantiños.

Atopar capítulo por: