Alalá
Cantigas e Agarimos
Revivimos a historia dunha das agrupacións que marcou a vida da sociedade Compostelá e de centos de santiagueses. A Asociación folclórica “Cantigas e Agarimos” presentouse á cidadanía no ano 1921 e nos seus oitenta e cinco anos de historia converteuse nunha das formacións corais galegas mais importantes desde os comezos do rexurdimento cultural galego.
De todas as figuras destacables que impulsaron a asociación hai que destacar a Bernardo del Río, fundador e director do coro ata o 1952, ano no que morreu. No pasado ano 2006 conmemorouse cunha gala aniversario os oitenta e cinco anos de vida desta formación que ten a súa sede, desde o 1959, na Algalia de Arriba.
Tamén presentaron un CD: “Na Algalia de Arriba” con gravacións históricas da coral, todas elas orixinais e realizadas nos anos cincuenta. O recoñecemento que recibiron os componentes de Cantigas e Agarimos correspondíase co papel que a agrupación tiña na sociedade.
O seu protagonismo chegou á radio, televisión, xornais, películas e discos. Como todas as historias, ademais de épocas douradas houbo outras nas que costou moito subsistir pero o tesón, sentimento e traballo de xente vencellada á formación fixo que permanecera ata os nosos días. Na actualidade, Cantigas mantén a filosofía dos seus comezos, conservando a lingua galega e o folclore, as nosas sinais de identidade con orgullo.
Ademais da coral, contan con grupo instrumental, pandereteiras, grupo de baile e unha Escola de muiñeira que segue a formar a mais de douscentos mozos de toda Compostela. O traballo de tantos anos vese recompensado con premios, mencións, xiras, concursos ou festivais grazas o esforzo desinteresado de tantos amantes da cultura galega.
Visitaremos a asociación e falaremos cunha novísima Xunta Directiva, coñeceremos a algúns membros da coral e veremos aos mais pequerrechos de Cantigas e Agarimos, os que probablemente continúen con esta historia alomenos oitenta e cinco anos mais.