CRTVG

Buscar

Alalá

Cantareiras de Laxoso

28/02/2006 22:05 h

Achegámonos ata moi preto de Pontecaldelas, para coñecer este grupo, que malia non ter ningún disco propio gravado, foi a fonte da que beberon outros grupos como Leilía, Fiadeiro, etc e, por iso, as cancións das de Laxoso pódense atopar en moitos CDs de artistas distintos.

Para toda xente nova que se dedica á recollida de pezas populares, Laxoso é un punto de referencia, sobre todo porque a memoria prodixiosa de Aurea conserva centos de cancións que se cantaban hai anos nos seráns da zona.

Neste programa de Alalá faremos case un viaxe no tempo a través dos testemuños destas mulleres: saberemos como eran os seráns nos anos da súa mocidade; a fame que pasaban algunhas; a vida de princesa doutras, coma a de Lola que viviu en Lisboa os mellores anos da súa vida; a dureza da emigración, coma no caso de Pilar, unha estremeña que non fala galego pero que canta en galego, ou o de Cristina, á que despois de trinta anos en Venezuela, xa lle custou volver ó seu Lagioso; a dura vida de Delia que traballou nas canteiras e nas carreteras...; a enerxía de Lidia que aprendeu a montar a cabalo para ir de madriña no voda do seu fillo, etc. E, de todas elas, a alegría de vivir esta especie de segunda xuventude que lles proporciona a música e o feito de pertencer ó grupo.

Atopar capítulo por: