CRTVG

Buscar

Alalá

Cabana de Bergantiños

12/06/2007 22:05 h

Viaxamos ata un concello rico: Cabana de Bergantiños. Rico na paisaxe, ten a forza da terra e do mar. Rico no tempo, un pode achegarse ata o Castro de Borneiro ou Dolmen de Dombate. E como non, rico na tradición musical: aquí o que non regueifa bota unha copliña con moita gracia.

O que non toca a gaita ou pandeireta recorda un poema. E o que non quere botar arte pola boquiña, amósaa con todo o corpo e fai calar a todos cun baile, porque só aquí se conservaban bailes hipnotizantes como a Muiñeira Vella ou a Jota Roubada. En Cabana de Bergantiños hai un artista por metro cadrado e coñecerédelos a todos, así que ata aquí vimos e aquí nos quedamos.

Con toda esta riqueza é normal a cantidade de tradición oral que había e hai por estas terras. Non hai moito tocaban por aquí os míticos Gaiteiros de Neaño co “ghai ghai”. Pero á parte dos gaiteiros aínda quedan cantos de cego, de arrieiro, regueifas ou coplas. De feito as coplas que se conservan aquí son moitas delas en galego, o que ten dobre mérito. As coplas son rimas con moita retranca que dúas cantareiras ou cantareiros enlazan segundo o tema.

O grupo Ruote ten no seu repertorio bastantes pezas recollidas nesta zona por Pablo e Olga, dous dos seus compoñentes e guías desta viaxe por Cabana de Bergantiños. Xuntos no persoal e no laboral levan pateando este rincón do mundo dende hai case 20 anos recollendo cada copla, cada baile e cada peza musical ou cantada. Investigadores e profesores, porque todo o que lle recolleron ensináronllo como é, aos rapaces da súa aula de música tradicional Donaire, na Coruña. Unha historia de amor e artistas, comas de antes.

Atopar capítulo por: