CRTVG

Buscar

Alalá

Budiño

28/04/2008 22:05 h

A historia dos gaiteiros do século vinteún cambiou moitísimo: hoxe recoñécese o seu traballo a nivel internacional. Como cambiou todo! O son da gaita soa en Sofía, Bos Aires, México D.F, Líbano ou Siria. Por estes e moitos outros lugares do mundo está presente a música dun artista e gaiteiro galego: Xose Manuel Budiño.

A súa carreira foi imparable desde que sentiu a chamada dos escenarios de moi noviño. Formouse na Escola de Gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta, participou na Banda de Gaitas Xarabal e fundpu o grupo Fol de Nui.

A mecha da súa carreira en solitario prendeuse con Paralaia. Foi con este disco co que se aventurou a marchar con el debaixo de brazo a Bretaña e ofrecerllo a un grande músico e produtor: Jacky Molard. Aquí comezou a carreira en solitario dun Budiño que xa non ía parar. Ao primeiro disco de Paralaia, seguírono Arredor e Zume de Terra.

Ap longo destes anos as súas composicións teñen de ingredientes: unha base importante de música tradicional aderezada con outros sons, timbres e instrumentos. As melodías nacen dos anos de experimentar coas novas tecnoloxías. A Xosé Manuel Budiño gústalle considerar os seus concertos como unha película, quere que ó escoitar a súa música, o seu público ademais de bailar reciba sensacións; para que iso resulte todos os actores –que son os músicos- teñen que estar compenetrados e como son amigos non lles resulta difícil.

Cúmprense dez anos desde que o seu primeiro disco vira a luz, neste tempo as viaxes polo mundo foron constantes, os contactos con outras culturas e outros músicos foron habituais e os premios e nominacións souberon agradecer a carreira dun gaiteiro innovador por convicción, viaxeiro nato e creador incansable. Home é o novo traballo feito por el: as composicións, arranxos, gravación e producción.

Atopar capítulo por: