Larpeiros
Bocados de peixe e arroz con feixóns / Rosca de xema de A Guarda / Bandullo do Morrazo
As lambetadas de sempre serán hoxe protagonistas no programa “Larpeiros”. Neste país temos moitas e todas boas: os amendoados de Allariz, a bica de Trives, a torta de Mondoñedo... Son case sempre lambetadas sinxelas, pero moi ricas. Tamén hai compotas, rosquilla e empanadas de mazá e non se poden esquecer as filloas. Feitas á tixola ou á pedra, redondas ou rectangulares, con mel ou con azucre, están sempre boísimas. O que está claro é que a mesa dos “Larpeiros” está chea de amantes dos doces de toda a vida.
Como de doces vai a cousa, Adrián emprenderá viaxe á Guarda para aprender a facer unha das lambetadas máis típicas desta vila mariñeira: a rosca de xema. Ademais, mentres tanto, Merchi e Leni afanaranse na cociña para preparar un bandullo do Morrazo con pasas e figos.
Pero como non só de lambetadas viven os “Larpeiros”, Benigno proporá facer para o xantar unha receita popular, barata e, sobre todo, moi rica: fritos de bacallau e arroz con feixóns, un prato de toda a vida, pero dándolle un aire algo diferente.