Larpeiros
Redondo de tenreira mechado / Filloas recheas de grelos
Ao igual que ocorreu en moitas ocasións durante o duro inverno que está a piques de rematar, os “Larpeiros” da TVG encontraranse hoxe cun contratempo habitual nas últimas semanas: a falta de peixe nos mercados debido ás malas condicións no mar. Pero neste programa sempre hai solución para todo, e máis falando de comer. Se o mar está revolto, haberá que mirar terra a dentro e na mesa haberá quen fale de polo, de churrasco e de verduras.
Así pois, o mestre don Benigno proporá facer un xantar co que o resto dos comensais viaxarán directos aos montes e vales galegos: un redondo de tenreira mechado. Despois de recorrer ao gando, chegará o momento para a horta, xa que Merchi e Leni terán a idea de mesturar o doce e o salgado cunhas filloas recheas de grelos.
Pola súa parte, Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, encamiñará nesta ocasión os seus pasos cara a Mondoñedo. O motivo da súa visita á localidade lucense será o seu interese en aprender a preparar unha das tortas con máis sona de Galicia, a de Mondoñedo, para o que contará coa axuda de Carlos. E, coa sobremesa resolta, porá rumbo ao mercado para cumprir co resto das encargas, que farán, unha vez máis, que os seus compañeiros gocen dun xantar inesquecible.