CRTVG

Buscar

Alalá

Berrogüetto

02/01/2007 22:05 h

Neste programa contamos coa presencia de Berrogüetto, unha das bandas galegas con máis proxección internacional e que fai agora dez anos veu revolucionar o panorama da música folk.

Coincidindo con este décimo aniversario lanzaron ó mercado o seu cuarto disco: 10.0. Con esta entrega fan un punto e aparte, o punto cero ven por ser unha nova etapa na que estrean selo discográfico propio, Berrogüetto Produccións S.L. Deste xeito o grupo asume desde a autoxestión de concertos ata a autoprodución do disco.

Para o grupo máis recoñecido da música de raíz galega, con este traballo hai un sentido da continuidade que o podería converter no epílogo dunha etapa e no prólogo da seguinte. Unha obra moi coral, cunha participación moi similar por parte de tódos os membros da banda.

En Berrogüetto hai sete almas distintas, sete músicos que beberon de distintas influencias musicais. Grazas a esta mestura, a horas de traballo e á amizade que hai entre eles, as súas propostas musicais fixéronos merecedores dunha grande repercusión mediática e numerosos premios en Galicia e no extranxeiro.

Os sete Berrogüettos falaránnos do entorno que crearon desde que están xuntos, dos procesos creativos, das xiras polo mundo adiante, das sensacións, das emocións, do compromiso e nunha palabra, do Universo Berrogüetto. Cada un expresarase a través do seu instrumento e da súa palabra.

Desprazámonos ata o local de ensaio de Caldas. Alí Guadi, Quico, Guille, Anxo, Quim e Isaac dedicáronlle un momento do programa ao seu compañeiro Santi. Un emocionante agasallo que lle fará recordar por moitas razóns o 2006 e este disco 10.0.

Atopar capítulo por: