Larpeiros
Bacallau de verán / Biscoito de chocolate con xeado
Como inflúe a calor nas preferencias á hora de sentar na mesa? Este será hoxe o tema de conversa no programa “Larpeiros”. Está claro que coa calor hai cousas que apetecen pouco e outras que apetecen máis, pero a verdade é que moitas cousas se poden comer todo o ano, dependendo de como se preparen. Coas fabas, por exemplo, tamén se poden facer ensaladas, o lacón pode tomarse prensado e frío e o peixe, en vez de metelo no forno, pódese converter nun salpicón. Ata o bacallau pode ser un prato de verán.
E como non hai maior fan do bacallau que don Benigno, esta semana non deixará pasar a ocasión de facerlle unha homenaxe por todo o alto. Para isto, proporá facer un xantar que non deixará a ningún “Larpeiro” indiferente: un bacallau de verán, un prato fresco con patacas, pementos asados, olivas e un aliño de ensalada.
E que mellor colofón para un xantar de verán que un xeado? Iso mesmo pensa Adrián, o comensal máis viaxeiro do programa, que se achegará á rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela, para, coa axuda de Brígida, aprender a facer uns dos mellores xeados artesáns que se poden comer en Galicia. Mentres, Leni e Merchi afanaranse na cociña para preparar a sobremesa: un biscoito de chocolate con xeado.