CRTVG

Buscar

Larpeiros

Bacallau de Nadal con flores de coliflor

24/12/2015 22:15 h

O programa “Larpeiros” acompañará esta Noiteboa os espectadores da TVG cunha chea de propostas para preparar uns suculentos pratos na que é, sen dúbida, unha das ceas máis importantes do ano. O día de Noiteboa é un asunto moi serio. Nesta casa prepáranse a diario os mellores pratos, pero cando se trata dunha ocasión tan especial aínda se lle pon máis ansia.
Para algúns dos “Larpeiros”, na Noiteboa non pode faltar o marisco, como uns bos lagostinos, unhas centolas ou unhas nécoras. Outros non conciben esta noite tan sinalada sen un bo asado na mesa, sexa de polo ou capón, sexa de cordeiro ou tenreira. 

Ademais, aquí non é como noutros países, que case todo o mundo prepara o mesmo para cear. En Inglaterra e Francia é moi típico facer pavo, por exemplo, mentres que en Italia non faltan os spaghetti, entre outras cousas. Mentres tanto, nas mesas galegas, cada familia confecciona o menú en función dos seus gustos. Isto permite que se dispare a imaxinación e que en cada casa teñan as súas propias tradicións á hora de sentar na mesa. Don Benigno está disposto a que esta Noiteboa na casa dos “Larpeiros” sexa todo un acontecemento difícil de esquecer. Para iso, proporá facer unha das súas especialidades, coa que sempre acerta e que ademais é un clásico destas festas: bacallau de Nadal con flores de coliflor. En Galicia este é un dos pratos que máis se preparan para a cea de Noiteboa e en Portugal, aínda que non o preparan igual, tamén é moi típico.

O bacallau é a grande especialidade de Benigno Campos e un dos seus pratos favoritos, así que non podía faltar nunha das ceas máis importantes do ano. Esta receita agocha moitos pequenos segredos e o resultado será de impresión. Iso si, para non sufrir coas tardanzas de Adrián será o propio Benigno o que se encargue de visitar os mercados para facerse cun bacallau de altura. Para acometer tan magna misión, irán con el dous escudeiros de excepción: Naia e Anxo, dous nenos moi cativos, pero moi eficientes, que o axudarán a manter a ledicia e farán desta pequena viaxe toda unha aventura.

Mentres Benigno anda metido en enredos, será Lola a que traballe con máis acerto, mercando todo o necesario para cociñar o bacallau e, de paso, algo de marisco, que nunca pode faltar nestas festas. Ademais, terá outra brillante idea: visitar un cociñeiro con estrela para que lle ensine como xuntar tradición e modernidade.

E, por último, pero non menos importante, nunha Noiteboa de verdade non poden faltar as lambetadas. O turrón e os mazapáns son case obrigatorios, pero Merchi e Leni teñen pensado preparar unha sobremesa caseira, tan bonita e tan rica que case dará magoa meterlle o dente. As dúas cociñeiras van sorprender os máis pintados cunhas estrelas de galleta e caramelo e, por se isto fose pouco, Adrián fuxirá da casa e irá na busca doutra larpeirada case histórica.

 

Atopar capítulo por: