Larpeiros
Bacallau con pudin de verduras e pastel de mandarina
Esta época está chea de verduras exquisitas, coma o repolo, por exemplo, que dá moito xogo na cociña, xa que con el se poden facer caldos, gornicións e mesmo pudins. Pero hai outras moitas verduras que no inverno alegran as mesas do noso país: a lombarda, a coliflor, o brócoli e, por suposto, as nabizas e os grelos. Salteados cun pouco de aceite e allo ou formando parte dun bo cocido, son dúas das grandes marabillas das nosas hortas.
Despois de tomar boa nota da conversa, don Benigno proporá un xantar en que as verduras de temporada sexan a gornición perfecta para un peixe que os “Larpeiros” coñecen ben: bacallau con pudin de verduras. Para isto, Adrián viaxará desta volta a Covelo, na provincia de Pontevedra, co obxectivo de coñecer todos os coidados que precisan as nosas hortas para producir verzas, grelos, repolos e moitas máis cousas ricas das que gozan os lambóns diplomados coma el. A lección correrá a cargo de Lourdes, unha experta na materia.
De volta na casa, a festa será completa co pastel de mandarina co que Merchi e Leni agasallarán os seus compañeiros.