Larpeiros
Bacallau con ameixas e pasteis de marmelada de pera e requeixo
Os “Larpeiros” comentan unha maneira de preparar os alimentos que dá moitas alegrías na mesa: secalos. Bo exemplo son o xamón, os chourizos, o botelo e moitos outros embutidos. Secar os alimentos é unha técnica moi antiga e se se segue a facer é porque gusta o resultado. É tamén o caso do bacallau e da lamprea, que agora se prepara moito seca e é unha auténtica delicia. E non só as carnes e os peixes, senón que tamén as froitas están deliciosas secas, como os figos, os dátiles, as ameixas ou as uvas pasas.
Ben coñecido é dos espectadores de “Larpeiros” que Benigno Campos é un namorado do bacallau. Aproveitando que tamén se prepara seco, propón facer un xantar que sorprenda os seus compañeiros: bacallau con ameixas.
Pola súa parte, Adrián viaxa nesta ocasión ao Rosal, onde, coa axuda de Rosa, coñece o sorprendente mundo da lamprea seca e rechea. Aprende a facela e tamén a cociñala e está por ver se será capaz de que lla deixen probar.
De volta na casa, a festa é completa cos pasteis de marmelada de pera e requeixo cos que Merchi e Leni agasallarán o resto dos “larpeiros”.