Alalá
Atlántica Vapora Orquestra
En Vilaxoán a todo o mundo se lle enche o peito cando cantan as cancións de sempre. Sinten que son deles, de todos e cada un dos veciños desta vila mariñeira que conserva un forte orgullo de selo a pesar de que o tempo fixo ir a menos a poboación e o traballo no mar. Houbo un tempo no que os valses e as habaneiras se escoitaban cada noite nas tabernas. As voces acompañadas por un acordeón ou unha guitarra.
Despois dos anos cincuenta moitos dos homes que as cantaban marcharon a Noruega buscando pescas máis rendibles e as mulleres empregáronse nas fábricas de conserva. Pero na memoria de todos quedaron estas melodías dos tempos nos que as lanchas do xeito enchían a ría de Arousa. Toda a música que hoxe recolle a Atlántica Vapora Orquestra naceu daqueles mariñeiros e daquelas redeiras, da alegría coa que enfrontaban a dureza do traballo e da vida.
Os músicos que forman a Atlántica Vapora Orquestra son todos magníficos profesionais. Algúns son de Vilaxoán e outros non pero todos interpretan o repertorio propio da zona cunha enerxía que non deixa lugar a dúbidas sobre a identificación que teñen con este peirao da ría de Arousa e coa súa xente. Precisamente foi por esa identificación co pobo e por sentirse respaldados por el polo que decidiron xuntarse para formar o grupo e tocar estas pezas. E fixérono baixo a dirección de Óscar Fernández, o seu mestre de zanfona, que forma parte da Central Folque. Porque foi precisamente a Central a que impulsou esta idea, despois de que o concello de Vilagarcía lle encargase un informe sobre desenvolvemento económico local a través da música popular e a cultura mariñeira en Vilaxoán.