CRTVG

Buscar

Larpeiros

Arroz con luras e berberechos e flan de espinacas

14/01/2016 22:00 h

Aos “Larpeiros” gústalles aproveitar o día desde primeira hora. Por iso son amigos de facer grandes plans mentres almorzan e de gozar das cousiñas ricas que teñen ao seu arredor. Leni apañou unhas espinacas estupendas na horta e ademais veulles á cabeza algo que sempre é garantía de éxito: o arroz. É curioso que, sen ser un produto que se dea en Galicia, os galegos sexamos tan afeccionados ao arroz. E non é para menos, porque pode facerse de mil xeitos: con peixe, con marisco, con carne… Ademais, se queda no seu punto, é unha auténtica delicia. 
Para os “Larpeiros”, se hai dúas cousas que lle dan ao arroz un sabor marabilloso, esas son as luras e os berberechos, dúas cousas que conseguen trasladar todo o sabor do mar aos nosos pratos e facer do arroz un auténtico prato de festa. Preparado cun rustrido de boas verduras, luras da ría pescadas coa poteira, uns berberechos de bo tamaño e o caldiño de cocelos, o resultado será todo un espectáculo para os sentidos. Benigno non deixa pasar a oportunidade de facer un arroz con estes dous tesouros do mar.
Conseguir uns berberechos como mandan os libros non é tarefa doada, así que Adrián, o “Larpeiro” máis viaxeiro, colle rumbo a Noia para atopar os mellores. Alí, aprende con Moncho e a súa nai a manexar o apeiro para sacar das augas uns exemplares espectaculares. Ten que empregar ben o raño se quere estar á altura duns profesionais con tantos anos de experiencia. Non obstante, Adrián vive máis preocupado por encher o bandullo que por traballar, así que non perde a oportunidade de probar unha riquísima empanada de croques.
Mentres, na casa, Leni e Benigno aproveitan as espinacas da horta para facer un aperitivo sinxelo e moi sabedeiro, que tanto pode servir de gornición dun peixiño coma dunha carne: un flan de espinacas.


Atopar capítulo por: