CRTVG

Buscar

Alalá

Antón Corral

15/04/2008 22:05 h

Alalá visita a un dos luthiers máis queridos e admirados deste recuncho da terra: Antón Corral. Un home que perseguiu durante toda a súa vida un xeito de vida e, a pesar das dificultades, conseguiuno.  

A música que se lle meteu nos ósos de moi noviño fixo que se enrolara en varios grupos tradicionais – Os Garabullos do Alto, Os Montes de Lugo ou Os Modernos. Nos anos 70, decide de maneira autodidacta, montar o seu primeiro obradoiro, acadando un gran prestixio como artesán de gaitas. Posteriormente entra no Obradoiro da Deputación de Lugo. De Lugo marcha a Ortigueira e profunda na investigación das zanfonas e outros instrumentos descoñecidos daquela. Aquí monta o seu primeiro grupo didáctico, no que soan xuntos por primeira vez a zanfona, a gaita, a requinta ou o pito pastoril.

De Ortigueira volve a Lugo –malparado economicamente- e aquí non acaba o seu periplo, quédalle un dos pasos mais importantes da súa vida: montar o Obradoiro Escola na Universidade Popular de Vigo. En Vigo, durante mais de vinte anos desenvolve o seu labor de ensinante. Do seu obradoiro saíron importantes artesáns como Alfonso Castro, Oli Giráldez, Xaime Rivas ou Xosé M. Gil; segue co grupo didáctico e co seu labor espallador en colexios e asociacións. Dirixe, aínda na actualidade, a Banda de Gaitas Xarabal pola que pasaron nomes tan importantes como: Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Marcos Campos ou Anxo Pintos entre outros moitos.

Neste Alalá descubrimos o universo dun prodixio para a cultura musical galega: Antón Corral, pero non estará só, acompañarano no programa moitos amigos, ex-alumnos, familiares... só algúns dos moitos que admiran e queren a Antón.

Atopar capítulo por: