Alalá
Os Verderoles
Os Verderoles, Os Miúdos, Os Leóns de Camos, Os Airiños do Val Miñor e Os Terribles de Donas son algúns dos grupos que puxeron música á vida nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán desde as primeiras décadas do século XX que revive Alalá. Catro destes músicos decidiron recuperar o nome dos míticos Verderoles e xuntarse outra vez, cando xa teñen máis de setenta e de oitenta anos, para facernos viaxar co seu repertorio ata as festas daqueles anos trinta en que comezaban a soñar con ser músicos.
A música destes grupos sempre formou parte das súas vidas e, aínda que os distintos oficios que tiveron apenas lles deixasen tempo para tocar máis que nas festas familiares e cos amigos, fixeron un esforzo tremendo para poder compaxinar as dúas cousas. Agora, despois de tantos anos de trasfego diario, levan unha vida moi tranquila e as súas ocupacións son xogar a partida no fogar do xubilado, atender a horta, ver o fútbol cos amigos, algunha que outra festa coa familia e, por suposto, ensaiar, lembrando un repertorio que aprenderon hai máis de setenta anos.
Grazas ao seu afán temos a sorte de escoitar pezas que doutro xeito se terían perdido no esquecemento e grazas a tanto esforzo conseguiron acadar o seu soño de nenos e, de paso, escribiron un anaco da historia da nosa música tradicional.