Alalá
Che da Luaña
Cando Che comezou a facer trompas, os vellos artesáns xa tiñan abandonado o oficio, polo que tivo que aprender só, practicando e probando unha e mil veces.
E non só aprendeu a facelas ata converterse nun mestre, senón que acadou algo que ata entón ninguén fixera: fabricalas en moitas tonalidades para que afinasen con outros instrumentos e poder así tocar con elas en distintas formacións musicais. Para lograr este obxectivo, tivo que darlle moitas voltas á cabeza, pero iso é o que lle gusta facer a este home, que amais é labrego, gandeiro, músico, artesán dos instrumentos máis diversos e que anda sempre na procura de acadar o seu máximo obxectivo: a trompa perfecta.
Grazas ao traballo de Che, que ten trompas feitas por el repartidas por todo o planeta, a trompa galega xa está no mapa mundial evitándose así que se perda no esquecemento un instrumento moi antigo, que probablemente naceu en Asia, e que con distintos nomes e formas se toca en moitos lugares do mundo.