Actualizad@s
Capítulo 59: "Enganchados á pesca"
29/01/2012 23:45 h
Xosé María é unha auténtica máquina de pescar. Nunha día calquera pode capturar sen esforzo ata 65 sargos, aínda que o seu record está en 123 peixes nunha xornada de pesca no paseo marítimo de Viveiro. Unha das claves a teñen os seus "cebos infalibles". Para compartir a súa arte, trucos e segredos, e motivar á xente nova a practicar esta afición, Jose Manuel escribiu un libro que está a piques de ser editado. Co manual El arte del buen pescar, o noso protagonista garantiza que calquer persoa é capaz de facerse con máis dun peixe ainda que non tivera collido nunca antes unha cana de pescar. Os reporteiros de Actualizad@s achegaranse a comprobar in situ a utilidade dos consellos de Xosé María.
Metémonos de cheo na vida dos barrios pesqueiros de Vigo cun grupo de rapaces do Porriño afeccionados á pesca. Coñecemos a Jesús, propietario dun dos comercios tradicionais de Bouzas onde compramos os cebos e sedais necesarios para pasar unha noite de pesca na ponte de Toralla. Alí pescamos un fermoso congrio e unha estrela que devolvemos ao mar.
Carlos del Valle pertence ó mundo da alta competición de pesca en embarcación fondeada. Traballa no turno de noite na Citroen, e ó rematar, ás 6 da mañá e sen durmir, colle o coche para reunirse cos seus amigos e compañeiros do equipo de Arcade para adestrar. Acompañamos ó grupo ata Cíes onde asistimos á competición de pesca improvisada na que se xogan os viños. Ó chegar a porto, pesan a captura e cobran as apostas.
Antonio saíu ó mar durante 40 anos pola obriga da súa profesión e pola necesidade de levar o pan á familia. Hoxe segue saíndo, pero por pracer. Na compaña doutros dous mariñeiros retirados, Antonio nos levará na súa pequena embarcación para ensinarnos as artes adquiridas coa súa experiencia como pescador. Coñecemos deste xeito os segredos da ría do Barbanza.
Lili é unha namorada do mar. Vive xusto ó lado da praia de Doniños e cada día baixa coas canas a capturar peixe, a súa afección. É gañadora habitual dos campionatos de pesca e hoxe podemos comprobar a súa habilidade na compaña dos seus compañeiros de equipo. Comezamos o día con ela, visitamos a cafetería que rexenta, tamén na praia de Doniños e pasamos unha xornada de pesca nestas
augas da Ferrolterra.
Digna leva máis de medio século ao frente do Crisol, restaurante lexendario do Grove que, dende o ano 1942, leva dando de comer o mellor peixe da zona. O segredo aprendeuno de pequena dos seus pais, tamén hostaleiros e transmitiullo a súa filla, Susi, que é a que hoxe se encarga do restaurante. Trátase de visitar cada día cedo a lonxa e o mercado para facerse co mellor producto. A quen primeiro acude Susi na lonxa é a Lolita, coa que garantiza as pezas máis frescas e fermosas do día pescadas polo seu fillo. Xosé contaranos -e nos amosará- cómo as pesca e nos ensinará os trucos para recoñecer un bo peixe antes de mercalo. Por último viviremos a hora do almorzo no Crisol descubrindo
as recetas de Digna e a satisfación dos seus clientes.