CRTVG

Buscar

Alalá

A Requinta da Laxeira

16/11/2010 22:05 h

Ás numerosas e afamadas festas do Val da Ulla hai que engadirlle as romarías espontáneas, para as que son necesarias dúas cousas: xente con ganas de brincar e alguén que toque, pero se están amenizadas por un grupo como a “Requinta da Laxeira” o éxito está asegurado.

Os da Requinta son un grupo numeroso, o máis novo ten catorce e o máis grande trinta e seis, o difícil é quedar para os ensaios porque uns traballan, outros estudian, un vive aquí e outro acolá, algún é pai de familia pero todos, os trece, están unidos pola música.

Estas fértiles terras son as do sonado viño da Ulla, as do seu augardente, as do entroido, as dos muíños, do río e aquí estes rapaces comezaron na música de moi nenos. Aquí comeron, beberon e medraron, neste lugar chamado Sarandón. Agora guiados por Emilio Lois, o director da tropa, decidiron manter viva a tradición musical desta zona. Son parrandeiros e gústalles a festa a mais non poder, a festa sin fin. Os Laxeiros xogan con ventaxa, son novos e déronlle a este val un aire fresco e alegría coas requintas e gaitas que sempre houbo aquí.

Esta é unha zona de requinteiros, de aquí saían os mellores grupos nos que a gaita e a requinta soaban a un tempo para animar as festas de tódalas vilas dun e doutro lado do río; pero, como moitos instrumentos, estivo a punto de desaparecer. Afortunadamente recuperouse  polo testemuño e o saber dos vellos requinteiros e as ganas e a ilusión dos novos músicos.

Os da Requinta da Laxeira tocan, bailan e cantan, e son capaces de baixar do escenario e facer bailar ata ao pau dunha escoba. Teñen un repertorio popular moi coñecido, pero ademais, neste Alalá aprenderemos coreografías e ata algunha letra nun karaoke tradicional.

 

Atopar capítulo por: